Tuesday, June 28, 2016

CONCENTRACIÓN entrada gaseiro nº 212 NA RIA DE FERROL

CONCENTRACIÓN entrada gaseiro nº 212 | Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol







Prevista a entrada na Ría do gaseiro cargado con GNL, nº 212 "LNG Hispania Spirit" o Comité Cidadán de Emerxencia convoca:
CONCENTRACIÓN
mércores, 29 de xuño, ás 20 hs,
diante do Edificio da Xunta de Galicia
(Praza Amada García - Ferrol)
Características do buque:
Nome.- LNG Hispamia Spirit, Bandeira.- España, Eslora.- 280m, Manga.- 43m, Calado.- 12.2 m, Carga,.- 135.000m³
PLANTA DE GAS: PECHE XÁ !

Thursday, June 02, 2016

En Marea pide que o Congreso se reúna para debater a decisión do Goberno sobre Reganosa - Praza Pública

En Marea pide que o Congreso se reúna para debater a decisión do Goberno sobre Reganosa - Praza Pública





En Marea pide que o Congreso se reúna para debater a decisión do Goberno sobre Reganosa

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


O pasado venres o Consello de Ministros do Goberno en funcións acordou, nunha insólita e inesperada decisión, que Reganosa pode eludir o trámite de avaliación de impacto ambiental na súa solicitude de novas autorizacións, unha vez que o Tribunal Supremo anulou os seus permisos de funcionamento.O Goberno en funcións acordou, así mesmo, reducir á metade os prazos aplicables ao procedemento e tramitar acumuladamente ambos expedientes administrativos.
O acordo, recollido no BOE do sábado 28 de maio, foi de inmediato criticado por En Marea, que sinalou que era "a punta do iceberg dun goberno en funcións dedicado en exclusiva a defender intereses privados, igual que fixera coa prórroga a ENCE en Pontevedra" e que acuou o Executivo de "prevaricar" ao vulnerar "as sentenzas e a lexislación vixente". Tamén polo PSOE de Ferrol, que afirmou que "o cumprimento da lei ten que estar por riba de intereses económicos ou particulares, polo que resultan de obrigado cumprimento as sentenzas do Tribunal Supremo". E polo Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, que cualificou a decisión de "acordo ilegal que pretende saltarse a legalidade ambiental e de seguridade" e que "retrata a un goberno corrupto e situado á marxe da lei".
Yolanda Díaz: "O Goberno en funcións está invadindo os poderes lexislativo e xudicial, cunha normativa ad hoc para eximir a planta de gas dos trámites que esixe o Tribunal Supremo”
Este mércores En Marea deu un paso máis na súa denuncia, e solicitou oficialmente a convocatoria da Deputación Permanente do Congreso para tratar a actuación do Goberno en funcións neste asunto. "O que lle pedimos á Deputación Permanente é actúe en defensa da legalidade, da seguridade e da vida e que vele pola separación de poderes, pois o Goberno en funcións está invadindo os poderes lexislativo e xudicial, cunha normativa ad hoc para eximir a planta de gas dos trámites que esixe o Tribunal Supremo”, denunciou Yolanda Díaz no momento de presentar a solicitude no rexistro da cámara. Antón Gómez-Reino preguntouse "que portas xiratorias están detrás de todo isto e estaremos atentos nos próximos meses quen está tan interesado en beneficiar a Reganosa e se alguén dos que tomou esta decisión acabará no seu Consello de Administración”.
En Marea, atendendo ás dúas recentes sentenzas do Tribunal Supremo, salienta que se trata "dunha cuestión resolta xudicialmente, sobre a que o Goberno non pode, por tanto, de ningún xeito pronunciarse".Sinala que "a exclusión con carácter excepcional do trámite de avaliación ambiental do procedemento ordinario de autorización dun proxecto en principio suxeito ao devandito trámite" é "unha decisión que excede por completo das competencias dun goberno en funcións". O Goberno en funcións chega a afirmar que o "Informe de viabilidade ambiental da planta de regasificación de Mugardos", que foi elaborado pola propia empresa, pode funcionar como unha avaliación ambiental alternativa axustada aos principios da lei"
A Deputación Permanente do Congreso pode ser convocada a petición de dous grupos da Cámara
A formación subliña que o Executivo está invadindo as competencias propias do poder xudicial "ao entrar a decidir sobre cuestións que se atopaban sub iudice e que xa foron resoltas xudicialmente", como é "a necesidade de realizar o trámite de avaliación de impacto ambiental con carácter previo á concesión das autorizacións administrativas esixibles". E que tamén está invadindo atribucións propias do poder lexislativo, posto que está "regulando un procedementoad hoc para a concesión da autorización previa da planta de gas de Reganosa, vulnerando deste xeito un principio fundamental en democracia como é o da separación de poderes".

Xuntanza da Deputación Permanente e pleno extraordinario 
A Deputación Permanente do Congreso, encargada de "velar polos poderes das Cámaras cando estas non estean reunidas”, pode ser convocada a petición de dous grupos da Cámara. A solicitude entregada hoxe polas representantes de En Marea é defendida polo grupo de Podemos-ECP-En Marea e polo Grupo Mixto, no que se integra IU-UP. O documento defende que este órgano debe analizar a situación creada para decidir se se produciu algunha invasión de competencias e tomas as medidas oportunas, chegando mesmo á convocatoria dun pleno extraordinario do Congreso, en base ao artigo 73.2 da Constitución, que establece que as Cámaras “poderán reunirse en sesións extraordinarias a petición da Deputación Permanente”.

As argumentacións do Goberno en funcións, rebatidas
O Consello de Ministros xustificou a súa decisión de permitir que a planta de gas de Mugardos eludise a avaliación de impacto ambiental, para así acelerar os trámites que lle permitan contar -por vía de urxencia- cunha nova autorización administrativa previa e un novo proxecto de execución, en base a tres argumentos:que a paralización da actividade da planta comprometería a continuidade e seguridade da subministración de gas natural en Galicia e en todo o noroeste da Península, que tamén se vería afectada a subministración a Portugal e que "determinaría un incremento substancial da circulación de camións cisterna pola rede viaria nacional", dando a entender que o gas tería que ser trasladado a Galicia e Asturias dende Bilbao ou Huelva.
Dende o Comité Cidadán cualificáronse estes argumentos de "falsos" e mesmo de "disparatados", sinalando que a actividade de Reganosa non é en absoluto imprescindible para garantir o subministro de gas no noroeste de España
Dende o Comité Cidadán de Emerxencia cualificáronse estes argumentos de "falsos" e mesmo de "disparatados", sinalando que a actividade de Reganosa non é en absoluto imprescindible para garantir o subministro de gas no noroeste de España. Lembran que en 2007, momento no que a planta de Mugardos comezou a operar, o Goberno decidiu o peche dos gasodutos que chegaban a Galicia, co obxectivo de xustificar a existencia da regasificadora, uns gasodutos que permanecen pechados dende entón e que se poderían abrir en calquera momento, para abastecer así a Galicia e Asturias. O PSOE de Ferrol incidiu nesta mesma denuncia, criticando que o Goberno en funcións empregue "unha xustificación que non consideramos real". "O mesmo goberno mantén paralizados os gasodutos que subministrarían gas tanto para consumo doméstico como industrial dos ciclos combinados", engade a agrupación socialista.
Dende o Comité Cidadán, a súa avogada -Patricia Gabeiras- lembra que tampouco se sostén o argumento de que o peche de Reganosa prexudicaría o subministro de gas a Portugal, pois o país se "autoabastece". E, sobre todo, considera completamente falta de base a explicación de que os camións cisterna con gas licuado terían que atravesar media España para traer o produto a Galicia: "en absoluto, en todo caso, o gas chegaría a Galicia a través de gasodutos, que para algo están aí e os estamos pagando entre todos".
Gabeiras destaca que o novo PXOM, que está recorrido ante a xustiza, non substitúe a unha avaliación de impacto ambiental
Gabeiras tamén responde ao argumento empregado polo Goberno en funcións, que destaca que aínda que o Supremo anulou os permisos de Reganosa para funcionar por mor de que o plan urbanístico existente nese momento non autorizaba ese tipo de instalacións nese lugar, Mugardos conta dende 2012 cun novo PXOM, aprobado de forma acelerada por Xunta e Concello para tentar legalizar a planta. A avogada destaca que este novo plan, que está recorrido ante a xustiza, non substitúe a unha avaliación de impacto ambiental. E que, por moito que un plan municipal autorizase este tipo de uso nese lugar, iso non o converte en legal, estando suxeito a outras normas, coma a Lei de Hidrocarburos.
Gabeiras: "Imos recorrer, por suposto, e a xustiza acabará por darnos a razón, pero cando todo isto se resolva, dentro duns anos, os accionistas de Reganosa terán xa máis de amortizado investimento"
A representante legal do Comité Cidadán recoñece estar "sorprendida" pola actuación do Executivo: "Como somos persoas de ben, non podiamos pensar que o Goberno en funcións ía chegar a estes extremos", di. E engade estar convencida de que "visto este precedente", nas vindeiras semanas Reganosa recibirá os seus permisos. "Imos recorrer, por suposto, e a xustiza acabará por darnos a razón, pero cando todo isto se resolva, dentro duns anos, os accionistas de Reganosa terán xa máis de amortizado o investimento", denuncia. A planta recibe ao redor de 60 millóns de euros anuais do Estado independentemente da súa produción.
O Comité Cidadán leva anos denunciando os favores políticos recibidos por Reganosa
O Comité Cidadán leva anos denunciando os favores políticos recibidos por Reganosa, tanto para permitir a súa instalación nos terreos de Punta Promontorio, propiedade do empresario Roberto Tojeiro, como para facer posible a súa actividade. Patricia Gabeiras lembra, sen ir máis lonxe, a imputación coñecida esta mesma semana de catro altos cargos da Xunta polo dragado ilegal da Ría de Ferrol, nunha zona (LIC Costa Ártabra) parte da Rede Natura 2000, e co obxectivo de favorecer a Reganosa, pois doutro xeito os gaseiros non poderían chegar ata Mugardos. E cualifica todo o proceso vivido ao redor de Reganosa como "o exemplo máis claro da cultura da corrupción que sufriu España nos últimos anos e da utilización dos poderes e dos orzamentos públicos en beneficio de actores privados". 
O Comité Cidadán de Emerxencia organiza este xoves un acto público en Ferrol (Centro Cultural Carvalho Calero, 19 horas) no que intervirá a avogada Patricia Gabeira, ademais de representantes políticos, e que contará coas actuacións de Roger de Flor e Manolo Bacallau.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...