Wednesday, June 21, 2017

XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en Combarro-Poio

XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en Combarro-Poio | Ollaparo. O universal é o local sen muros





Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galicia, é unha das manifestacións da cultura marítima máis importantes das que se celebran na península Ibérica e, sen dúbida, a máis masiva polo número de embarcacións e tripulantes que participan. Porén, ten carácter internacional, pois amais de representacións do País Vasco e de Cataluña e outros territorios do Mediterráneo, é constante nas últimas edicións a asistencia de delegacións doutros países europeos (Francia, Escocia, Irlanda, Inglaterra ou Croacia), sobre todo de Portugal, fundamentalmente do norte do país veciño, cos que hai  relación permanente e de onde  proceden algunhas das asociacións integradas na Federación de noso.
Encontro basicamente consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais, arredor de 150, que se exhibirán para desfrute do público visitante no porto de Combarro e desenvolverán navegacións de mañá e tarde pola ría de Pontevedra. Ao mesmo tempo, nos espazos portuarios e nas prazas públicas da vila desenvolveranse diversas actividades culturais e de ocio dirixidas aos propios participantes e, sobre todo, á veciñanza e aos milleiros de visitantes: exposicións, obradoiros, mostras artísticas diversas e de artesanía, gastronomía, actuacións musicais etc. Estas actividades, que xiran maiormente arredor do patrimonio marítimo e a cultura mariñeira, están pensadas para un público de calquera idade e condición, salientando neste sentido os programas dirixidos ás persoas con discapacidades físicas e intelectuais, así como o Encontro Infantil, adicado especialmente á infancia.
Coa organización do evento corre un amplo comité organizador encabezado pola entidade titular do Encontro, Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a asociación local Clube Mariño A Reiboa e o Concello de Poio, no que se integran numerosas asociacións, entidades e persoas, fundamentalmente de Poio e da comarca. O patrocinio corresponde á Administración pública (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Poio), neste caso xa concertado, e ás empresas que decidan achegar a súa colaboración.

No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...