Monday, November 13, 2017

Que queren ? por GABRIEL BACEIRO

Que queren ? | Ollaparo. O universal é o local sen muros



Que queren ?

por Gabriel Beceiro
Nunha semana Iglesias cesou a Fachin, visibilizouse o antagonismo ideolóxico dos partidos independentistas, douscentos batlles foran a Bruxelas, producironse várias mobilizacións e a Audiencia Nacional española e o Tribunal Supremo tomaran novas decisións punitivas, na sexta-feria presentouse a asociación de eleitores, onte houbo mais unha manifestación masiva clamando pola libertazón dos presos e a CUP vén de dicir presentarse ás eleicións convocadas polo goberno español. Cando saia publicado este texto serán oito os presos cataláns encarcerados por un Estado que decidiu transitar a via autoritaria e represiva contra a disidencia política. Hai un goberno que por dar cumprimento ao mandato popular está na prisión e no exilio e hai unha administración ocupada polo goberno español de maneira ilegal. Dous feitos que lembran que a República foi proclamada ainda que de momento non se fixera efectiva. No entanto, a greve xeral deitou momentos interesantes da man dos Comitès de Defensa de la República que xa asumiran un papel salientabel no referendo do 1-O, pondo de manifesto que en ningún caso os votos poden ser declarados ilegais.
Un dos trazos distintivos do españolismo e o seu rexionalismo dóxico – ben visibel na sección opinión de La Voz de Galicia- é a súa fixación e emarañamento na teoloxía política do constitucionalismo; só é capaz de caracterizar o suxeito soberanista por medio da figura do santo. O exemplo de Blanco Valdés – por ser productor de coñecimento constitucional en español nun departamento da USC e coñecedor do que significa unha disciplina como a súa naquilo que Foucault en “Vixiar e punir” debullou como episteme aplicada sobre os corpos coa vontade de cuadricular, someter, controlar e suxetar aos individuos e as súas opinións para tornalos dóciles e obedientes- revela talvez a dificultade que ten o unionismo á hora de respostar, mesmo a un nivel subxectivo, algo fundalmentamente distinto daquilo que supostamente combate. Por iso son incapaces de fitar que aquén Forcadell haxa un movimento democrático horizontal que non é reducibel ao momento decisionista nen a figura da santidade nen a do martir. Ao cabo, quen está preparado para o nivel de agresividade amostrado polo nacionalismo español de brazo dado do aparato de Estado?
Caso a parte merecen Fermín Bocos, Paloma Cervilla , Carlos Herrera e os galegos Barreiro, Caneiro e Gonzalo Bareño cando afirma sen piscar que “a un demócrata solo le cabe acatar las decisiones judiciales, sean las que sean”- nunha reformulación da leria rajoniana “se non é legal, non é democrático”- entanto Caneiro se preocupa compunxido que “Ni la Agencia del Medicamento, probablemente, irá a Barcelona. Ni el Mobile World Congress, probablemente, volverá a realizarse en la ciudad condal si esta locura política persiste”. Nen un só apupo a Rajoy que tanto chama ás empresas a fuxir como agora insta a non facelo. A todos eles a parte da lexislación española que non interesa e que permite a autodeterminación dos pobos así como a lección de dereitos e lingua impartida en Bélxica non lles merecen atención. Porque xa atoparan o xeito de salvar a fenda da pregunta “Que queren os cataláns?” cunha resposta e non precisaran moito esforzo en achar cualificativos edificantes entre os ofrecidos en castellano polos meia: lidercillos, cobárdes y prófugos, pusilánimes, disparate, alentar el odio a España y a los españoles, paroxismo suicida, nave de los locos, delirio catalanista…Prontuario ético dificil de atopar “no outro lado”. Tan preocupante como que non se decaten do devalo autoritario e recentralizador da democracia española e non apenas no que atinxe aos cataláns.
Talvez porque os meios son a nova dereita que se confunde coa realidade, non teñen que se alinear na defensa desta ou daquela outra figura de dereitas ou de esquerdas; as variables dispoñibeis constituen un sentido común de dereitas que non precisa da realidade para xulgala. A constitución deste xénero en termos case ficcionais precisa manifestarse: é aquilo que recoñecemos como familiar xa que é o único con voz que se mostra audibel. Fronte a iso, aquilo que non aparece así constituido é inaudibel. Reactivo, conservador e mesmo supremacista desde o momento que se nega a descentrar a súa visión, o que evidencia unha actitude antipolítica e unha xestión de limpeza, unha cuestión xerencial que barre e barra calquer acontecimento onde apareza a alteridade social. Como se conducen as apropiacións e a referencia lexitimatoria fundamental do caracter hispanocentrado do patrón de poder, material e intersubxectivo?. Teriamos exemplos a eito na “política pequena” e na dimensión da “xeopolítica banal”, como munición para “atajar” o denominado “desafío soberanista de Cataluña” (así denominado do ABC á Cadena SER) na restauración xurídico-policial do rexime do 78 que continua espallando unha división binaria entre os Outros (separatistas, soberanistas, nacionalistas, vernáculos) e Nós (demócratas, dialogantes, valedores do estado de dereito).
A recente ridiculización de Carme Forcadell fai parte dese imaxinario desvalorizador que atopamos por toda parte no ámbito político español. Porque a anomalía non debruza en mofarse con máis ou menos acerto do facto de que a presidenta do Parlament teña pasado polo Tribunal Supremo en condición de presidenta da ANC para salientar así a súa actuación como presidenta do Parlament. Mas facelo nos termos en que se plantexan con Forcadell, cando nunca se plantexaron verbo doutros políticos, é fácil detectar resonancias misóxinas e supremacistas na súa forma destilada: quer dicer como anticatalanismo. Segundo a perspectiva anticatalanista o catalá é quen sempre é sospeitoso de “desafío” e “adoutrinamento” mas tamén aquel que “moderniza”, “innova” e gaña competicións deportivas . O caso evoca a fórmula lacaniana do “Che vuoi?” que Zizek emprega para ilustrar a incapacidade para traducir o desexo do Outro. Esa fantasía é a que permite eludir a insustentabel fixación na que o Outro quer algo de nós entanto somos incapaces de traducir ese desexo do Outro nunha interpelación positiva. A ese efecto chámalle Zizek ” a falta no outro”. Por iso resulta reveladora a escalada de insultos.Lembremos que cobardía o traizón son os termos cos que o PP e tutti quanti empregaran para cualificar a estada belga de Puigdemont, acusándoo de non dar a cara á xustiza española ( quen o acusan esqueceran que entre os colaboradores do goberno español existen antecedentes de mutis por el foro desde 1931 até o presente).
É presisamente desde unha perspectiva non decisionista ou de radicalidade democrática que o menos importante é se adxurara e acatara o marco constitucional(ao parecer a fiscalía non procurou a súa retractación porque estaba prefixada a prisión provisional) ou se afirmou ter sido unha proclamación simbólica para evitar prisión. Porque ainda que así fora , a República foi declarada ainda no alegado suposto de que Forcadell o negara como certo é que a Generalitat non ten capacidade coercitiva para a desenvolver no curto prazo. Portanto recoñecer perante o xuiz que non tiña efectos xurídicos , mas carácter simbólico, é unha tautoloxía. Porén, cómpre non menosprezar o momento simbólico da declaración da república porque achega as coordenadas que permiten articular o desexo soberanista ao tempo que mostra o límite imanente do Estado español. E o españolismo sábeo, de aí as reaccións imediatas chamando aos estados europeos a non recoñecela.
Podemos fitar agora a designación ideolóxica coa que funcionan, prisioneiros do seu anticatalanismo, o ben alineado discurso dos opinadores editorializantes (na perspectiva que o goberno español dá Constitución, claro está) do que significa “democracia”: progreso na lei e a liberdade ainda que -no nivel dos feitos, descriptivo- o rexime politico lexitimado como “demócrata” produza fenómenos sumamente represivos. Como en todos os mundos posíbeis o que democracia designa é, en todo aquilo que o contradí con feitos, “lei e liberdade”, o que non é posibel falsar empíricamente. Por outras palabras, é a asunción da dimensión simbólica como a DUI, quer dicer superando a identificación coa monarquía constitucional española, como Cataluña se torna suxeito político, nun mandato co que identificarse. Zizek observa iso mesmo en toda demanda política “atrapada nuna dialéctica na que apunta a algo diferente ao seu contido literal: por exemplo, pode funcionar como unha provocación que se propón ser rexeitada(“en cuxo caso, o mellor xeito de frustrala é satisfacela, acceder a ela sen reservas”.
Portanto, reducir a lexitimidade do Procés e da proclamación da República ao momento xudiciario é reproducir o discurso decisionista da santificación dos líderes, adxuren ou non do Procés. Ese discurso é vigairo do discurso da disociación coa realidade do que acontece na Cataluña e é dunha simplificación inadmisibel. Por ser unha caricatura debuxada polos meios hexemónicos destinada a desmobilizar e inocular marcos de percepción que dominen en todo o Estado sobre o que acontece na Cataluña. Mas tamén unha agregación do que é a via xudicial e o que é a via política. De se dar o trunfo do soberanismo nas eleicións do 21 de decembro, como o explicarán eses medios?
O legalismo ideolóxico como forma da vontade de impor un conxunto de valores e prácticas que se consideran superiores, amiudo confúndese con impartir xustiza e disóciase da realidade a forza de repetir o desatino de que o que non é legal non é lexítimo, mas tamén na progresiva falta de respeito sobre os Outros. A imperialidade latente do estado español exprésase a eito nas relacións residuais sobre as que se foran construindo a administración autonómica en relación á estatal. Non é apenas unha relacion de imposición pola forza dunha das partes, mas a interiorización dunha estructura de intelexibilidade das relacións que aceptan, en principio, ambas as duas partes. A transición á democracia representativa non supuxo unha rutura coa lóxica subxacente do medo, a “violencia fundadora e persistente” da que procedemos e que sendo constitutiva da orde democrática, no momento político actual fica ao descoberto. A propia tipificación de “crime politico” ou o de delito de “rebelión” ten un alcance normalizador do control propio do biopoder mas supón unha anomalía absoluta. O delito de rebelión ten connotacións de escaramuza militar e non o dun parlamento que promoveu unha consulta pacífica onde a única violencia foi posta polas forzas policiais do Estado democrático.
A falta dunha crítica da razón constitucional española o que fica é un imaxinario no que as decisións xudiciais son puros actos técnicos, derivados da aplicación meticulosoa de métodos (interpretación constitucional, proporcionalidade, ponderación….) e no que o Tribunal constitucional é presentado como axente neutral na procura da interpretación progresiva dos dereitos fundamentais. O resultado foi unha progresiva encriptación do poder no ámbito constitucional, pola especialización da linguaxe procedimentos e reglas e toma decisión adentro do mesmo que leva a unha maquillaxe ou substracción dos atributos do poder e da crítica. De aí que os entusiastas neonconstitucionalistas só permitan o momento cultural dos actos emancipatorios se conservan ou manteñen intactas as estructuras de dominación política, económica e cultural reproducindo así as súas lóxicas a través do tempo. O que queremos salientar deste trasfondo é que o problema polo poder ten sido silenciado e naturalizado: a subalternización de coñecimento, a capacidade dunha Constitución de transformar unha realidade plurinacional e a naturalización das relacións de poder.
Como reconciliarmos coa procura do siso cando non sería dificil demostrarmos que na base de toda verdade dominada xace o corpo espancado en nome da lei ? Só a santa e o martir poden recoñecer a verdade diante do xuiz. Eís o modelo de militancia e de participación política que teñen en mente os Bareño, Rivera, Blanco Valdés, Albiol, Borrell, Feijoó,Vidal Folch, Monedero,Barreiro…e Rajoy. É o mito do decisionismo e do privilexio da palabra da que todos eles son exemplo. Certo é que se trata dun modelo de ser ubicado na zona de conforto desde a que falan, que non é outra que o españolismo colonial que medios como La Voz representan en Galicia e non como voz emitida desde ela. Valdés e Barreiro, dous conspicuos opinadores do mesmo grupo, falan desde a ferida simbólica do Estado e desde o privilexio españolista propio da colonialidade do poder que Ramón Grosfoguel lles mostrou nunha conversa televisada no extinto Programa Vía V.
O soberanismo catalá existe desde antes da Constitución do 78, a própria lexitimidade da Generalitat e o Estatut son previos. Perante a imposibilidade histórica de enunciar o dereito a decidir sen ser interpretado en termos bélicos, pódese enxergar o pròprio Estatut d’Autonomia como unha estratexia xeral de resistencia que por mandato refrendado nas urnas proponse fundar unha República como nova forma de estado na Cataluña. A cuestión debruza en si o Parlament de Catalunya pode lexislar de acordo coa lexitimidade representada nas leis de seu ainda que transgredan o que outras leis ditan. Se non perdemos de vista que a fonte de lexitimidade última é o mandato popular ( “El Parlament representa el poble de Catalunya”) habería que respostar que poden e deben. Cando se encarceran a 2 pacíficos líderes sociais e mais 8 consellers saidos do mandato das urnas do 25 de setembro de 2017 quen perde fundamento é o que restaba de lexitimidade do Estado en Catalunya, onde agora non hai máis lexitimidade representativa do pobo catalá que o Parlament usurpado. O legalismo ideolóxico torna cego perante as demandas estructurais que vai alén do identitario. O politeismo do Procés (do PdCat á CUP) mostra a complexidade estructural do que teiman en denominar “el desafío catalán” e que, presos da cegueira, poñen ao mesmo nivel a corrupción sistémica do PP co dereito a decidir dos cataláns.
Porque o fulcral non é o sentido do voto, mas o feito de poder decidir o seu status. Poder falar e falar para poder decidir. Ao cabo, o intento de formular constitucionalismo desde abaixo a través de novas institucionalidades e territorialidades, pluralismo xurídico, un rexime político novo (república ) e novas subxetividades individuais e colectivas. O Procés catalá exemplifica así un poder constituinte que alargue dereitos perante a imposibilidade de desenvolver a idea dun Estado plurinacional, por tanto implica un cuestionamento do concepto de Estado que se asenta na idea de que en cada Estado só hai unha nación baixo a Coroa. A Constitución do 78 só logrou adiar o proxecto colonial baixo a figura do Estado nación inspirado no modelo de democracia censitaria e a construcción dun constitucionalismo liberal monista. O “estado das autonomías” integrou así os territorios no mercado, mas sen rachar a identidade uniformadora do Estado-nación nen o monismo xurídico.
Afirma John Berger en From A to X que “por boa que sexa unha lei, sempre é acañada. Por iso cómpre discutirmos e cuestionarmos a súa aplicación. E a práctica de o facer corríxenos das eivas e sirve á própira xustiza. Hai leis que legalizan a inxustiza. Esta caste de leis son acañadas porque, cando se aplican, dan exacto incumprimento ao que se pretendia que fixeran cumprir. E compre oporse, ignoralas ou desafialas”. Perante unha lei inxusta, un referendo, que non é outra cousa que un acto de desobediencia civil. Iso mesmo é o dereito a decidir, a soberanía democrática a decidir aquí e agora.
Xa non apenas é que as prisións estén ateigadas é que fora delas estamos a nos acostumar a sermos vixilados e amordazados.O maior perigo non é cando o Estado nos abandona,mas cando se achega de máis a nós.
Publicado en OLLAPARO
Resultado de imagen de iberian peninsula on world map



No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...