Thursday, February 08, 2018

A loita contra a estafa da taxa de depuración continúa - Así foi a mobilización deste mércores 7 de febreiro en Ferrol -

A loita contra a estafa da taxa de depuración continúa - Así foi a mobilización deste mércores 7 de febreiro en Ferrol - Vídeos e recurso para baixar - Por unha taxa xusta, explicada, xustificada e participada - Ártabra 21






A Plataforma na defensa dos servizos públicos pola remunicipalización, convocou este 7 de febreiro de 2018, unha concentración diante do concello de Ferrol para denunciar o cobro da taxa inxusta, avultada, ilegal e non participada, que o goberno de Jorge Suárez recuperou, unha taxa imposta polo PP no 2014 e agora, posta outra vez en vixencia polo goberno de Ferrol en Común, que aumenta o volume de negocio de EMAFESA, beneficiando á parte privada SOCAMEX. 






https://youtu.be/sUVxYtxmO3A

Intervención de Alexandre Carrodeguas.

Veciñas e veciños, hai tres anos estabamos aquí para denunciar unha taxa irregular que pretendía cobrarnos o anterior alcalde Rey Varela.

Hoxe volvemos a estar aquí porque o actual goberno municipal pretende cobrarnos esa mesma taxa, que beneficia unicamente á parte privada de Emafesa.

Unha taxa fraudulenta por estar baseada nun contrato eléctrico onde a potencia contratada é moi superior á necesaria, un contrato que avulta as estimacións de consumo eléctrico e os caudais a depurar.

Agora todos estes incumprimentos xeraron, xunto coa nefasta xestión de Socamex (Parte privada de Emafesa), unha débeda millonaria no servizo de augas e unha depuradora nunha situación irregular, que debería xestionar Augas de Galicia até ser mancomunada.

O único que pretenden é que paguemos as débedas que xeraron a súa incompetencia e nefasta xestión.

Desde o Concello seguen sen contestar a uns 200 recursos de reposición e sen devolver os 800.000 euros cobrados indebidamente.

Desde a Plataforma vimos solicitando ao goberno de Jorge Suárez que elabore unha Taxa de Saneamento e Depuración xusta, explicada, xustificada e participada. A súa resposta foi volver a impoñer a taxa do PP. 

Tampouco o Alcalde abriu expediente a Emafesa, nen se informou a Fiscalía, nin se realizou auditoría, por todos os incumprimentos cometidos, tal e como anunciara en 2015, endosando-lle á veciñanza e ao pequeno comercio e hostalaría, o servizo de saneamento e depuración máis caro de todas as cidades galegas.

Ninguén, pode negar a importancia do saneamento e depuración das augas residuais para preservar o medio ambiente e recuperar a nosa Ría. O dereito ao saneamento e á auga, é un dereito humano, non un negocio, por iso reclamamos o retorno da súa xestión a mans públicas.

O Goberno Municipal esta pasando ao cobro, nestes días co recibo de Emafesa, a taxa de depuración, a sabendas de que é unha taxa inxusta e moi elevada, por riba do custe do servizo que se presta. Ferrol é a cidade mais empobrecida e avellentada de Galicia, pero vai pagar as taxas máis elevadas de sumidoiros, saneamento e depuración, das sete cidades galegas.

Desde a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, cremos que se pode garantir o dereito humano á auga e ao saneamento, sen que se faga a costa de aumentar os negocios espurios das grandes empresas. Unhas grandes empresas que dun xeito opaco, fixan os prezos, os modelos a aplicar, as inversións, dun xeito monopolista e fraudulento.

Contamos con todas e todos vós para continuar con esta loita xusta, nunha cidade moribunda que precisa do alento e a forza de todas e todos nós.
___ 



https://youtu.be/aiPMdy-Z6AU

Intervención de Lucía Vizoso

Boas tardes !

Desde a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, queremos informar que temos a disposición de quen queira, as copias dun modelo de Recurso de Reposición. Este recurso elaborado pola Plataforma, é contra o Recibo polo servizo de depuración que Emafesa está pasando ao cobro estes días.

Rematada esta concentración quedaremos membros da Plataforma aquí nos arcos da Casa do Concello, a disposición de quen queira un modelo de recurso e para clarificar calquera dubida que houbera, explicar o recibo, ou outra cousa ao respecto.

Mañá xoves e pasado, venres, estaremos aquí na Praza cunha Mesa Informativa. Integrantes da Plataforma intentaremos asesorar e clarificar calquera dubida ao respecto, tamén teremos copias do noso modelo de Recurso a disposición da veciñanza.

E por último informar que o xoves da semana que ven, 15 de febreiro, desde as 11 e media da mañá estaremos aquí, nesta Praza, para promover unha presentación colectiva do recurso, para animar ao resto da veciñanza a que o presente na defensa dos seus dereitos. Non deixemos que a Estafa continúe, demandemos unha Taxa Xusta, Explicada, Xustificada e Participada.

O 28 de xullo de 2010, a través da Resolución 64/292, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñeceu explicitamente o dereito humano á auga e ao saneamento, reafirmando que unha auga limpa e potábel, e o saneamento, son esenciais para a realización de todos os dereitos humanos. A auga non é un negocio, é por iso que reclamamos a xestión pública do ciclo da auga, unha Emafesa 100% Pública.

Damos por rematada a Concentración e só reiterar que membros da Plataforma quedaremos agora aquí, nos arcos da Casa do Concello, a disposición de quen queira recoller un modelo de recurso e para clarificar calquera dubida que houbera. E o da entrega colectiva de recursos, aquí mesmo, para o xoves da semana que ven, 15 de febreiro, desde as 11 e media da mañá. 



https://youtu.be/5SaIU_hRciA

Ao final, falou o compañeiro Fernado Armesto Ramos -lamentamos non dispoñer de vídeo, para poñer énfase nas propostas da Plataforma elevadas ao Alcalde no transcurso de case tres anos de loita.

No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...