Tuesday, March 06, 2018

A política lingüística do PP fai retroceder o galego

A política lingüística do PP fai retroceder o galego | Periodistas en Español






A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a política lingüística da Xunta de Galiza está a provocar un retroceso acelerado de uso do galego. Este proceso premeditado nótase especialmente na perda de transmisión xeracional e no descenso do uso do galego nas cidades e na xente nova.
A Mesa galegoCon motivo do Día Internacional da Lingua Materna a Academia Galega difundiu un documento no que alertaba sobre a perda da transmisión xeracional do galego e a presión do español sobre o galego. Desde a Mesa avaliamos estes datos sobre o descenso do uso do galego como consecuencia da política lingüística do PP que  leva moitos anos actuando en contra do galego.
Neste sentido, desde a Mesa  afirman que estes datos non nos poden sorprender pois reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade. Desde esta entidade veñen denunciando a exclusión da nosa lingua en diferentes informes como o da situación da lingua galega na educación infantil ou nos xogos e xoguetes.
A Mesa denuncia o desleixo de funcións da Secretaría Xeral de Política Lingüística que mira para outro lado nos casos de vulneración de dereitos lingüísticos, como o ocorrido esta semana na propia Xunta en Lugo. Tamén a entidade en defensa da lingua denuncia que a Xunta incumpre reiteradamente documentos aprobados como o Plan xeral de normalización da lingua galega, a Lei de normalización lingüística ou a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.
A secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos, asegura que  “o presidente da Xunta fai un exercicio de cinismo ao afirmar que estamos nunha situación vantaxosa con respecto a outras linguas”. O presidente da Xunta o que fai é fomentar os prexuízos contra a nosa lingua e esconder os datos de uso do galego cos de coñecemento e capacidade lingüística. A lingua é uso e por iso só con outras políticas lingüísticas se normalizará a nosa lingua.
O primeiro, é derrogar o Decreto de plurilingüismo no ensino  que prohibe a impartición en galego de determinadas materias e que provocou as maiores mobilizacións en Europa na defensa dunha lingua propia.
O seguinte, garantir a igualdade entre galego e castelán en todo para garantir o dereito a vivirmos na nosa lingua. A posición do PP ficou clara a este respecto no rexeitamento á iniciativa lexislativa popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioecónimo que presentou a Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento en decembro do ano pasado.
Mais a pesar do esforzo desgaleguizador da Xunta desde a Mesa salientan que hai esperanza para o galego porque son moitas as galegas e galegos que con ilusión e vontade manteñen un compromiso no uso e transmitisión do idioma propio de Galiza.

No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...