Friday, March 09, 2018

Manifesto Folga Xeral Feminista 8M | Folga Feminista

Manifesto Folga Xeral Feminista 8M | Folga Feminista









XUNTAS SOMOS MÁIS. Cada 8 de Marzo celebramos a alianza entre mulleres para defender os nosos dereitos conquistados. Foi a unión de moitas mulleres no mundo, a que conseguiu grandes vitorias para todas nós e tróuxonos dereitos que posuímos hoxe. Precédenos unha longa xenealogía de mulleres activistas, sufraxistas e sindicalistas. As que trouxeron a República, as que loitaron na Guerra Civil, as que combateron ao colonialismo e as que foron parte as loitas anti-imperialistas. Con todo, sabemos que aínda non é suficiente: queda moito por facer e nós seguimos loitando.
A sororidade é a nosa arma; é a acción multitudinaria a que nos permite seguir avanzando. A data do 8 de marzo é nosa, internacional e reivindicativa.
Hoxe, 8 de Marzo, as mulleres de todo o mundo estamos convocadas á FOLGA FEMINISTA.
A nosa identidade é múltiple, somos diversas. Vivimos na contorna rural e na contorna urbana, traballamos no ámbito laboral e na dos coidados. Somos paias, xitanas, migradas e estamos racializadas. As nosas idades son todas e sabémonos lesbicas, trans, bisexuais, inter, queer, hetero… Somos as que non están: somos as asasinadas, somos as presas. Somos TODAS. Xuntas hoxe paramos o mundo e berramos: ABONDA! ante todas as violencias que nos atravesan.
ABONDA! de agresións, humillacións, marxinacións ou exclusións. Esiximos que o Pacto de Estado contra as violencias machistas -polo demais insuficiente- se dote de recursos e medios para o desenvolvemento de políticas reais e efectivas que axuden a conseguir unha sociedade libre de violencias contra as mulleres e nenas. Denunciamos a represión a quen encabezan a loita polos dereitos sociais e reprodutivos.
ABONDA! De violencias machistas, cotiás e invisibilizadas, que vivimos as mulleres sexa cal for a nosa idade e condición. QUEREMOS poder movernos en liberdade por todos os espazos e a todas as horas. Sinalamos e denunciamos a violencia sexual como expresión paradigmática da apropiación patriarcal do noso corpo, que afecta de modo aínda máis marcado a mulleres en situación de vulnerabilidade como mulleres migradas e traballadoras domésticas. É urxente que a nosa reivindicación Nin unha menos sexa unha realidade.
ABONDA! De opresión polas nosas orientacións e identidades sexuais! Denunciamos a LGTBIfobia social, institucional e laboral que sufrimos moitas de nós, como outra forma de violencia machista. Somos mulleres e somos diversas.
MULLERES LIBRES, EN POVOS LIBRES!
Somos as que reproducen a vida. O traballo doméstico e de coidados que facemos as mulleres é imprescindible para soster a vida. Que maioritariamente sexa de balde ou estea devaluado é unha trampa no desenvolvemento do capitalismo. Hoxe, coa folga de coidados na familia e a sociedade, damos visibilidade a un traballo que ninguén quere recoñecer, xa sexa na casa, mal pago ou como economía somerxida. Reivindicamos que o traballo de coidados sexa recoñecido como un ben social de primeira orde, e esiximos a redistribución deste tipo de tarefas.
Hoxe reivindicamos unha sociedade libre de opresións, de explotación e violencias machistas. Chamamos á rebeldía e á loita ante a alianza entre o patriarcado e o capitalismo que nos quere dóciles, sumisas e caladas.
Non aceptamos estar sometidas a peores condicións laborais, nin cobrar menos que os homes polo mesmo traballo. Por iso, hoxe tamén facemos folga laboral.
Folga contra os teitos de cristal e a precariedade laboral, porque os traballos aos que logramos acceder están marcados pola temporalidade, a incerteza, os baixos salarios e as xornadas parciais non desexadas. Nós engrosamos as listas do paro. Moitos dos traballos que realizamos non posúen garantías ou non están regulados. E cando algunhas de nós temos mellores traballos, atopámonos con que os postos de maior salario e responsabilidade están copados por homes. A empresa privada, a pública, as institucións e a política son reprodutoras da fenda de xénero.
ABONDA! de discriminación salarial polo feito de sermos mulleres, de menosprezo e de acoso sexual no ámbito laboral.
Denunciamos que ser muller sexa a principal causa de pobreza e que se nos castigue pola nosa diversidade. A precariedade agrávase para moitas de nós por ter maior idade, ser migradas, racializadas, por ter diversidade funcional ou unha imaxe afastada da normatividade. Reivindicamos que a nosa situación laboral nos permita desenvolver un proxecto vital con dignidade e autonomía; e que o emprego se adapte ás necesidades da vida: o embarazo ou os coidados non poden ser obxecto de despedimento nin de marxinación laboral, nin deben menoscabar as nosas expectativas persoais nin profesionais.
Esiximos tamén as pensións que temos gañado. Non máis pensións de miseria, que nos obrigan a sufrir pobreza na vellez. Pedimos a cotitularidade das pensións e que o tempo dedicado a tarefas de coidado, ou que desenvolvemos no campo, sexa recoñecido no cálculo das pensións do mesmo xeito que o traballo laboral e loitamos pola ratificación do convenio 189 da OIT que regula o traballo doméstico.
Berramos ben forte contra o neoliberalismo salvaxe que se impón como pensamento único a nivel mundial e que esnaquiza o noso planeta e as nosas vidas. As mulleres temos un papel primordial na loita contra do cambio climático e na preservación da biodiversidade. Por iso, apostamos decididamente pola soberanía alimentaria dos pobos. Apoiamos o traballo de moitas compañeiras que poñen en risco a súa vida por defender o territorio e os seus cultivos. Esiximos que a defensa da vida se sitúe no centro da economía e da política.
Esiximos ser protagonistas das nosas vidas, da nosa saúde e dos nosos corpos, sen ningún tipo de presión estética. Os nosos corpos non son mercadería nin obxecto, e por iso, tamén facemos folga de consumo. Xa abonda de ser utilizadas como reclamo!
Esiximos tamén a despatoloxización das nosas vidas, das nosas emocións, das nosas circunstancias: a medicalización responde a intereses de grandes empresas, non aos da nosa saúde. Abonda de considerar os nosos procesos de vida como enfermidades!
A educación é a etapa principal na que construímos as nosas identidades sexuais e de xénero e por iso as estudantes, as mestras, a comunidade educativa e todo o movemento feminista esiximos o noso dereito a unha educación pública, laica e feminista. Libre de valores heteropatriarcais desde os primeiros treitos educativos, nos que as profesoras somos maioría, até a universidade. Reivindicamos tamén o noso dereito a unha formación afectivo-sexual que nos ensine na diversidade, sen medos, sen complexos, sen reducirnos a simples obxectos e que non permita unha soa agresión machista nin LGTBIfóbica nas aulas.
Esiximos un avance na coeducación en todos os ámbitos e espazos de formación e unha educación que non relegue a nosa historia ás marxes dos libros de texto; e na que a perspectiva de xénero sexa transversal a todas as disciplinas. Non somos unha excepción, somos unha constante que foi calada!
VIVAN A FOLGA DE COIDADOS, DE CONSUMO, LABORAL E EDUCATIVA!
VIVA A FOLGA FEMINISTA!
Ningunha muller é ilegal. Dicimos ABONDA! ao racismo e a exclusión. Berramos ben alto: non ás guerras e á fabricación de material bélico! As guerras son produto e extensión do patriarcado e do capitalismo para o control dos territorios e das persoas. A consecuencia directa das guerras son milleiros de mulleres refuxiadas por todo o mundo, mulleres que estamos a ser victimizadas, esquecidas e violentadas. Esiximos a acollida de todas as persoas migradas, sexa polo motivo que for. Somos mulleres libres en territorios libres!
Denunciamos os recortes orzamentarios nos sectores que máis afectan as mulleres: o sistema de saúde, os servizos sociais e a educación.
Denunciamos a corrupción como un factor agravante da crise.
Denunciamos a xustiza patriarcal que non nos considera suxeitas de pleno dereito.
Denunciamos a grave represión e recortes de dereitos que estamos a sufrir.
Esiximos plena igualdade de dereitos e condicións de vida, e a total aceptación da nosa diversidade.
QUERÉMONOS LIBRES, QUERÉMONOS VIVAS, FEMINISTAS, COMBATIVAS E REBELDES!
Hoxe, a folga feminista non remata:
SEGUIREMOS ATÉ CONSEGUIR O MUNDO QUE QUEREMOS!

No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...