Sunday, May 20, 2018

A pirámide de idade da lingua galega reduce a súa base a un ritmo acelerado - Praza Pública

A pirámide de idade da lingua galega reduce a súa base a un ritmo acelerado - Praza Pública

A pirámide de idade da lingua galega reduce a súa base a un ritmo acelerado



A poboación galega envellece rapidamente (as persoas maiores de 55 anos serán a metade da poboación en 2031), pero este envellecemento é aínda máis acelerado entre os e as galegofalantes, debido ao uso cada vez máis preferente do castelán entre a mocidade. Entre o 2003 e o 2013 reduciuse o número de falantes habituais de galego en todos os grupos de idade, pero este descenso foi moito máis acentuado nos e nas menores de 30 anos, onde pasou de 340.000 a 192.000, unha caída do 44%. Por exemplo, entre os maiores de 65 anos o descenso foi do 6,5% e de 50 a 65 a redución foi do 9%, elevándose ata o 16,6% entre os 30 e os 50 anos.
Así pois, a pirámide de idade da lingua galega estréitase pola súa base, onde reside a súa garantía de futuro. Un pouco o mesmo que a pirámide de idade do conxunto da poboación, pero de forma máis acusada por mor da falla de relevo xeracional e pola creba da transmisión interxeracional, como hai uns meses denunciaba a RAG. Hai dous anos en Praza xa a analizamos este descenso da lingua na mocidade a través destes 11 gráficos.
2003
2008
2013
De 65 ou máis anos
461.725
455.380
431.883
De 50 a 64 anos
344.899
344.112
314.256
De 30 a 49 anos
437.768
395.847
364.556
De 15 a 29 anos
252.986
198.012
139.417
De 5 a 14 anos
87.071
73.565
52.370
Evolución dos e das falantes habituais de galego (persoas que falan sempre galego + persoas que falan máis galego que castelán) por grupo de idade
Algunhas voces veñen alertando de que máis aló do problema dos usos lingüístico e do idioma escollido de forma preferente pola mocidade, comeza a advertirse un problema de aptitudes, de coñecemento e dominio da propia lingua. Os últimos datos ofrecidos polo IGE (correspondentes a 2013, o vindeiro ano coñeceremos os de 2018) amosan un moi preocupante descenso na porcentaxe de mozos e mozas (menores de 30 anos) que aseguran ter un dominio total da lingua galega, que pasou do 66,35% de 2003 ao 53,07% de 2013, trece puntos menos nunha década. Unha porcentaxe que na provincia de Pontevedra cae ata o 43%.
Os mesmos datos do IGE revelan a denunciada creba na transmisión interxeracional do galego. No 2003 xa eran maioría os nenos e nenas a quen os seus pais e nais lle falaban en castelán sempre ou de forma maioritaria (54% fronte a 45%). En 2008 a diferenza ampliárase (56-37), disparándose en 2013: 60% fronte a 27%. É dicir, en 2013 tan só o 27% dos pais e nais lles falaban aos seus fillos e fillas en galego de forma preferente.
Nos últimos anos tense insistido moito no papel da escola para a determinación da escolla lingüística dunha persoa. E tamén da importancia doutros elementos de socialización e de consumo cultural, comezando pola programación televisiva infantil, maioritariamente en castelán, como denunciou recentemente a Mesa, que lembraba que menos do 5% estaba dispoñible en galego.
Os mesmos datos revelan que a lingua falada por pais e nais segue a ser un factor determinante nos usos lingüísticos dos seus fillos e fillas. Esta táboa amosa como o 88% das persoas que se criaron en galego seguen a falar galego de forma preferente e que o 94% das que se criaron exclusivamente en castelán teñen esta lingua como a habitual. Con todo, na táboa xa se advirten transferencias importantes dende os usos lingüisticos recibidos aos practicados: nas persoas a quen seus pais e nais lles falaban "máis en galego que en castelán", o 50% falan maioritariamente en galego e o outro 50% falan maioritariamente en castelán. Nas persoas a quen seus pais e nais lles falaban "máis en castelán que en galego" só o 11% falan habitualmente en galego, mentres que o restante 89% optou polo castelán.

No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...