Tuesday, June 26, 2018

Despois da moción de censura, xustiza poética | Ollaparo. O universal é o local sen muros

Despois da moción de censura, xustiza poética | Ollaparo. O universal é o local sen muros



Despois da moción de censura, xustiza poética

por 

Pedro Sánchez é presidente grazas a un oportuno e ben orquestrado Fuenteovejuna. Unha alianza matrix, co aliciente de botar ao PP das institucións, empolicoulle ao poder deixando ao partido máis votado só, dividido e convalecente das súas innumerables corrupcións. Con ese factor emocional como vento de popa, e se necesidade de presentar un programa de goberno alternativo, o PSOE entrou na Moncloa para devolver a voz á cidadanía “canto antes”. Entendíase que o nominal dos apoios parlamentarios xa non respondía á realidade que a xente expresaba na rúa.
O discurso con que o líder socialista armou a súa iniciativa para “rexenerar a democracia” tiña como alicerce fundamental reverter as políticas regresivas do Partido Popular. Un elenco de posibilidades que o propio pretendente non deixou en saco roto durante a súa comparecencia parlamentaria. Acabar coa reforma laboral, mellorar as pensións, potenciar o financiamento autonómico, desbloquear o conflito catalán e derrogar a “lei mordaza” foron algunhas das bazas ofrecidas por Sánchez para lograr ser investido como alternativa a Raxoi.

É verdade que nada se dixo sobre as igualmente nocivas purgas efectuadas polo seu partido en materia laboral, de pensións ou no referente ao artigo 135 da Constitución. Ninguén entre seus compañeiros de viaxe exixiu iso. Tan expeditivo foi o vaivén que todos conviñeron como lóxico, normal e ata necesario que o novo executivo funcionase sobre o pautado do orzamento aprobado polo adversario derrocado. O fervor do “non é non” impedía maiores matices nen esixencias.

E para non defraudar as expectativas, nada máis arrincar o seu periplo Sánchez lanzou dous globos de sondaxe. O primeiro, benvido e digno de encomio, foi a calorosa acollida aos migrantes do Aquarius ante a resposta xenófoba de Italia e Malta. O outro ten algo de arqueoloxía funeraria: tirar os restos do Caudillo do Valle de los Caídos. Porque desubicar á momia máis soada da ditadura, ten máis de “brindar ao sol” que de reparación histórica. Nese eido, todo pasa por anular as atroces sentenzas do franquismo e reparar a flagrante desigualdade nas indemnizacións que a lei contempla para as súas deudos. O demais é xustiza poética.

Por aí parecen ir os tiros tras os primeiros espasmos de ilusión e esperanza espertados tras a saída por pés dos populares. Agora, os termos máis comúns utilizados polos membros do novo goberno son “non hai tempo”, “non temos maioría parlamentaria”, iso que o vulgo interpreta como “botar balóns fóra”. Porque, adúceno como escusa de autoridade, as circunstancias cambiaron. Non é o mesmo estar no goberno que na oposición. O que adoitan dicir todos os partidos cando acadar poder e pasan do “non é non” ao “xa veremos”. Retórica.

E como mostra de que non é unha opinión irrelevante de ministros recentemente chegados, mas unha consigna representativa, velaí están as declaracións do presidente do goberno Pedro Sánchez ao diario El País, o mesmo que en pleno fragor da crise coa xestora do PSOE o alcumaran nun editorial de “insensato sen escrúpulos” e noutro recente o cualificase  de “goberno inviabel”. O dito alí ten relevo, dado o carácter militante dese xornal como intelectual orgánico de Ferraz (ten a Pérez Rubalcaba no consello editorial; o seu adxunto á dirección e ex director, Estefanía, é patrón da Fundación Felipe González, e un dos seus asesores económicos, Juan Carlos Díez, foi quen elaborou o programa económico de Zapatero, entre outros acenos de afinidade).

Comecemos afirmando que esa empresa xornalística e Moncloa semellan facer un exercicio de amnesia a título lucrativo. Sánchez esquece as descualificacións lanzadas por El País e este na súa vez ignora todo o que ten a ver con “a herdanza socialista” que provocou unha greve xeral na época en que Sánchez ocupaba escano na bancada socialista. Con esas credenciais, e a risco de que lectores e cidadáns olfateen o desaire, non cabe estrañar que a exclusiva de fóra engalanada cun titular impactante: Pedro Sánchez: “Aprobaremos un plan contra a explotación laboral”. Que é tanto como prometer prosperidade xeral, dado que supón recoñecer que 22 de goberno socialista e 15 de goberno conservador non serviron para acabar con esa secuela. E se recorremos á macroeconomía comparada teriamos que lembrar que ao chegar Raxoi ao poder a taxa de paro roldaba o 24 % e ao saír estaba en algo máis do 16%. O que fai lembrar a Viviane Forestier no horror económico cando opinaba que “hai algo pior que a explotación do home polo home: a ausencia de explotación”

Tentando recompor pontes, El País incorre no vicio de preguntar e o dirixente socialista escenifica a virtude de non responder. Cada un no seu papel. O único que Sánchez non relativiza é o concernente ao desembarco en RTVE. Aquí é rotundo: ten listo un decreto lei para nomear presidente da corporación. Algo tan resolutivo como sospeitoso posto que o consenso para sacar a concurso público a composición da dirección do ente xa estaba en marcha. Inquieta, pois, esa dilixencia sobrevinda cando en asuntos de maior calado o que se emite é un rosario de demoras e caneos. Salvo que, co aval de pór fin á nefasta e infumabel etapa do PP á fronte do organismo, téntese imitar o modelo comunicacional existente en Andalucía e Castela AMancha. Senllos monumentos ao clientelismo mediático de ruin condición.

Vamos ao verbalizado polo presidente. Esas xerais da lei que armaron o famoso “non é non” que tan proveitoso resultou para o “pedrismo”. Preguntado sobre a crise coa Generalitat e o Procés, Sánchez resposta: “A miña vontade é normalizar as relacións institucionais”. Á cuestión de se pensa achegar aos políticos presos a cárceres cataláns, di: “Respectamos a instrución do xuíz Llanera, e cando Institucións Penais considere que non existe risco de entorpecer esa fase de instrución, tomarase a decisión”. Interrogado sobre se España sumarase ao endurecemento das políticas migratorias da Unión Europea, asegura: “Nós co Aquarius fixemos unha chamada á solidariedade. Mas unha cousa é unha crise humanitaria e outra cousa a política migratoria. E esa política migratoria ten que ter unha resposta común, europea”. Exposto se vai retirar as concertinas, acabar coas devolucións en quente e eliminar os CIE, precisa: “Respecto dos CIE, estamos abertos á súa mellora. Mas non á súa eliminación. Porque é evidente que os necesitamos. En canto ás concertinas, España ten unha rigorosa política de control de fluxos migratorios, pero pódense respectar os dereitos humanos. Estamos en proceso de estudo de como substituír as concertinas” (respecto ao tema da devolución en quente nen Sánchez respondeu nen o xornal repreguntou, e ademais entrevistador e entrevistado parecen ignorar o clamor existente entre organizacións políticas, xudiciais e asistenciais para pechar os Centros de Internamento de Estranxeiros, eses guantánamos para pobres, por vulnerar os dereitos humanos).

Sigamos. Preguntado sobre se para financiar a sustentabilidade do sistema de pensións vai aprobar o imposto á banca proposto cando estaba na oposición, sinala: “Vamos ver. O ministerio de Economía e o ministerio de Facenda están a facer os números. Nós temos a intención política. Imos abrir o debate”. Preguntado sen acritude, na reforma laboral ata onde se pode chegar? (e é que El País xa anunciou nun editorial,”Os límites do cambio”, que de derrogar nada), aponta: “Nós sostemos que é necesaria a derrogación da reforma laboral, pero non hai unha maioría parlamentar”. E así suma e segue noutros terreos como a lei mordaza (“Esperamos que se modifiquen os elementos máis perversos desa lei”) ou a reforma do financiamento autonómico (“Hai que ser realistas. Non estou para caralladas como facía o goberno do PP. A culminación de todos eses traballos será na próxima lexislatura, mas agora podemos oferecer melloras parciais”).

Un compendio de voluntarismo de quen un mes antes e desde a oposición ofrecíase como o líder político que o país necesitaba para iniciar a senda da rexeneración social e democrática. Por certo, chama a atención que no primeiro encontro entre a directora do único xornal que en España ten ao seu fronte a unha muller e o presidente do goberno con máis mulleres do mundo no seu gabinete, a cuestión feminina e feminista brillase pola súa ausencia. E a saída de pata de banco da portavoz gobernamental, a indocumentada ministra de Educación Isabel Celaá, sobre a intervención dos servizos xurídicos do Estado no xuízo de La Manada, só pode tomarse como unha maledicencia de novatos. O mesmo que pasar da política humanitaria do Aquarius á política penal dos centros pechados de desembarco, uns CIE bravú, coma se fose un avance *civilizatorio.

Xustiza
poética, aínda que está por demostrar se por méritos propios ou por carencias do contrario.

No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...