Wednesday, November 21, 2018

Cosidó destapa a trama inquisitorial contra o Procés | Ollaparo. O universal é o local sen muros

Cosidó destapa a trama inquisitorial contra o Procés | Ollaparo. O universal é o local sen muros



Cosidó destapa a trama inquisitorial contra o Procés

por 


Ignacio Cosidó Gutiérrez Foto: plural.es (CC BY 3.0 Galiza) 
Serendipia, xa sabemos, a viagra que descubrimos cando se procura outra cousa. Un eureka! insospeitado que en política adoita presentarse en forma de autogol con gaño para o contrario. Esa metedura de pata autoinflixida que permite sacar vantaxe ao adversario sen arriscarse. Tal é o que vén de facer o portavoz do Partido Popular (PP) no Senado, Ignacio Cosidó, mediante o WhatsApp enviado aos seus secuaces coa redacción literal “controlaremos a Sala Segunda por detrás”.
Referíase o aludido ás manobras do bipartidismo dinástico hexemónico PP e PSOE para repartirse o novo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ). E que, a pesar de deixar a maioría dos vogais para os socialistas, coa previa designación do Manuel Marchena á fronte do órgano, e de esguello do propio Tribunal Supremo, os de Casado mangonearían aos membros desa xurisdición penal. Precisamente a instancia encargada de xulgar á clase política.
Nunha palabra, cunha desvergoña que só cabe imaxinar nun paspán, o que o xefe de filas do PP na Cámara Alta viña dicer é que o “xuízo do procés” estaba atado e ben atado. Nen imparcialidade, nen transparencia, nen independencia xudicial. Quen ousa cuestionar a sacra unidade da patria vai condenado de antemán. Que é tanto como constatar que non hai separación de poderes nin por tanto verdadeira Constitución. Iso, nas circunstancias actuais, é un recoñecemento manifesto de que no Réxime do 78, tras corenta anos de exercicio, hai presos políticos e políticos presos, por esa orde de presentación.
Algo que sospeitamos sempre desde o intre que a transición se configurou como un continuísmo nas persoas que dirixían as institucións da ditadura, previa autoamnistía, e unha performance de ruptura respecto da forma de Estado. A reactivación do antigo Tribunal de Orde Pública (TOP) do franquismo baixo o formato de Audiencia Nacional (AN), con xurisdición en todo o país e coa escusa de persecución dos delitos de terrorismo, foi unha das súas xestas máis celebradas. Ata que chegou o procés e o seu democrático dereito a decidir sen rastro de violencia e coa actividade de ETA fose do radar dos poderes fácticos.
Felizmente estamos na Unión Europea, e entre os seus moitos defectos, non figura o da brutana e sistemática  instrumentalización da xustiza. Porque o que Cosidó facilitou coa sua babecada é a vitoria senderípica dos presos políticos cataláns e de paso o relanzamento das súas xustas propostas autodeterminacionistas. Se antes abundaban os indicios, agora resulta unha flagrante evidencia que Junqueras, os Jordis, Forcadell e demais acusados sofren un procedemento inquisitorial. Non terán un xuízo xusto e se unha sentenza predeterminada. O que xa se debullaba dos paus que recibían as requisitorias da xustiza española ante os tribunais europeos.
Chove sobre mollado. Hai poucas semanas o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo condenou a España polo xuízo sen garantías a Alnaldo Otegi, por un fallo autocumprido nos termos en que se produciu durante a vista na AN a maxistrada-presidenta Ángela Murillo. Esa será a senda que percorrerá no seu día a causa do procés cando chegue á xurisdición europea de última instancia, tendo en conta os chanchullos que o tándem PP-PSOE perpetraron para controlar ao poder xudicial. Desde o escándalo das hipotecas, e a solución salomónica de Sánchez para confirmar a non retroactividade do imposto saqueado, ao bananeiro wasap de Cosidó, pasando por esas escenas de caza na xudicatura que supón o acoso e derriba ao órgano de goberno dos xuíces, coa compracencia de moitos deles. E para que todo fique na casa, a xustiza adminístrase en nome do Rei.

No comments:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...