Wednesday, April 10, 2019

150 persoas da cultura piden o apoio para a candidatura do BNG | Ollaparo. O universal é o local sen muros

150 persoas da cultura piden o apoio para a candidatura do BNG | Ollaparo. O universal é o local sen muros





150 persoas da cultura piden o apoio para a candidatura do BNG

por 

“Na España mediática, a Galiza coa súa personalidade e as súas necesidades e organizacións non existe” afirman as 150 persoas que dos diferentes campos da creación literaria apoiaron Aquí e Agora, para ter voz propia’, o manifesto de apoio á candidatura do BNG nas elección xerais do 28 de abril.
Nomes do cinema, da música, da literatura, o teatro, a pintura, o activismo cultural ou a memoria histórica súmanse a este documento, que foi presentado ao público en Compostela pola escritora Ana Cabaleiro, o escritor e ensaísta Suso de Toro, a actriz Iria Piñeiro e o director de cine, Alfonso Zarauza.
“E por iso queremos mostrar o noso apoio a unha candidatura que non nos ofrece dúbida de que é progresista, soberana e nacional galega. Non podemos ignorar o estarmos dentro dun contexto de reforzamento do centralismo madrileño, o dominio case absoluto dos medios de comunicación cortesáns crea un imaxinario e uns debates controlados desde alí que exclúen a nosa mesma existencia como persoas e como país”
Entre os asinantes Margarita Ledo, directora de cine e xornalista, as escritoras María Reimóndez, Marta Dacosta, Mercedes Queixas,Vitor Vaqueiro, Lois Dieguez, Camiño Noia e Antón Riveiro Coello, as músicas Ugia Pedreira, Miro Casavella, “Jasper Nao”, Caxade e Xurxo Souto, Mago Antón,  os profesores da UdC Xosé Ramón Freixeiro Mato,Laura Tato, María do Carmo Fernández Pérez, Mar Pérez Fra,  Carlos Caetano Biscainho-Fernande, o sociólogo Manuel Monge e o economista Ramón López Suevos.
“A democracia constrúese de abaixo a arriba e na nosa situación comeza por termos organizacións soberanas propias. O abandono dese principio democrático básico conduce á nosa indefensión, non haberá liberdades para quen viva aquí nin defensa dos nosos intereses fronte a un expolio histórico continuado”

Friday, April 05, 2019

A Ribeira Sacra xa é candidata a Patrimonio da Humanidade da UNESCO | Ollaparo. O universal é o local sen muros

A Ribeira Sacra xa é candidata a Patrimonio da Humanidade da UNESCO | Ollaparo. O universal é o local sen muros



A Ribeira Sacra xa é candidata a Patrimonio da Humanidade da UNESCO

por 

O Ministerio de Cultura aproba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Unha iniciativa que nacendo de asociacións e colectivos acabou por involucrar as institucións. Decidirase en 2021, no 45º Comité de Patrimonio Mundial.
Aprobouno esta sexta feira  por unanimidade o Consello de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura. “É unha expoñente de grande importancia cultural”, comunicou un alto cargo do Goberno central. “É un lugar de espiritualidade na contorna dos vales do Sil e o Miño” que atinxe  22 concellos, posúe unha gran riqueza vitivinícola que vén da época romana e nas súas paisaxes hai mostras da mellor arquitectura románica, “un conxunto de mosteiros, conventos, igrexas, capelas e cruces de pedra que, pola súa variedade e densidade, forman un espazo cultural único no mundo, exemplo do monaquismo primitivo que se desenvolveu a finais do século IV”.
Galiza conta con 4 recoñecementos deste Comité da Unesco: a cidade vella de Compostela, o Camiño de Santiago -que atinxe igualmente os treitos externos-, a muralla romana de Lugo e a Torre de Hércules.

Monday, April 01, 2019

Esta é a liberdade para o galego?

Esta é a liberdade para o galego? | Ollaparo. O universal é o local sen muros








GalizaLínguaNormalización lingüística — 1 Abril, 2019 at 17:00

Esta é a liberdade para o galego?

por 

A Mesa denuncia a “imposición” do galego cunha campaña




A Mesa pola Normalización Lingüística comezou hoxe unha campaña de denuncia contra a “imposición” do galego. A través de cartaces que se repartirán polas diferentes localidades de Galiza e mais nas redes sociais, o organismo de defensa dos dereitos lingüísticos recorda que o ensino infantil en galego nas cidades non supera o 8%, que non hai máis dun 0,6% de xoguetes en galego e que o 22,7% das nenas e nenos galegos de 5 a 14 anos non saben falar na súa propia lingua. Non existen diarios impresos en galego, só o 4% das canles de televisión que recibe a cidadanía galega recollen a súa lingua, as sentenzas en galego supoñen un 5% do total e as pólizas de seguro en galego, un 1%.
O portavoz da Mesa, Marcos Maceira, recorda que estes son só algúns dos centos de datos que, en todos os sectores, evidencian a ausencia absoluta de liberdade para o uso do galego por falta de dispoñibilidade. “Unha clara inferioridade de condicións que impide vivir en galego con toda normalidade”, asegura, “en igualdade e liberdade”. Esta situación de desigualdade no Estado español conta co amparo de máis de 500 disposicións legais que obrigan á presenza do castelán, sen sequera ter en conta a existencia do galego. “Os datos demostran”, conclúe Maceira, “que o discurso da imposición tan utilizado polo Partido Popular só agocha a vontade de reducir a cero a xa precaria presenza do galego como tamén demostra a vontade de prohibir o coñecemento do galego no acceso ao funcionariado autonómico manifestada publicamente polos líderes estatais do PP”.
A Mesa pola Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio de Dereitos Lingüísticos que conta cun comité asesor formado por xuristas e persoas expertas en diferentes ámbitos. O Observatorio elabora relatorios e informes que envía a diferentes institucións públicas galegas, estatais ou, recentemente, ao comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Anualmente presenta publicamente o seu informe A Liña do Galego baseado nos casos de vulneracións de dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou parabéns a quen si os garante. A Mesa pola Normalización Lingüísitica forma parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...